Antroposofía

É o home un ser libre ou está suxeito, pola contra, a designios alleos á súa vontade, que determinan irremediablemente a súa existencia?

A evolución cultural dos últimos séculos levou a visións opostas sobre a concepción do home e da vida, pero que, dalgún xeito, coinciden  na súa resposta á cuestión anterior.
Por unha banda está o que se podería dar en chamar "visión científica", segundo a cal o home é só un elo máis na cadea evolutiva, simplemente o resultado da selección natural e das mutacións provocadas polo azar. Segundo isto, o comportamento do ser humano ésta completamente determinado polas súas características xenéticas (froito da casualidade), e polas modificacións que o entorno (pais, educación, entorno social ...) produce sobre a devandita estrutura xenética.

Por outra banda existe a visión chamada "relixiosa", segundo a que todo o que existe, e especialmente o ser humano, é obra da creación de Deus. Toda a vida é un plan de Deus, e as persoas deben cumprir os seus plans, que chegaron a nós a través das revelacións das diferentes relixións.

Como vemos, as dúas posicións, a evolucionista e a creacionista, reducen o home ao papel de mero obxecto de causas alleas, e, polo tanto, sen liberdade.

Porén, cada un leva dentro de si o desexo de liberdade, e tamén, de xeito máis ou menos consciente, a necesidade de entender o sentido da súa vida e da súa existencia.

Se o enfoque evolutivo fóse correcto, como se explica o desexo de liberdade e a procura do sentido da vida, e como se relacionan coa loita pola supervivencia e adaptación ao entorno? Acaso a poesía, a literatura, a música, a pintura ... non mostran que no ser humano hai un principio superior que non se move pola necesidade? Será que a capacidade humana de descubrir as leis da natureza non evidencia que o pode entender todo? E acaso iso non nos mostra que nel hai tamén un pulo creador, quizais o mesmo principio creador que se manifesta na natureza?

Se fóse certo que todo é só unha creación de Deus, e que ás persoas só lles corresponde obedecer aos seus mandamentos para alcanzar a salvación, entón, se o ser humano só pode crer e obedecer, e non pode entender, como podemos falar de responsabilidade moral nas persoas? E como podemos conciliar os mandamentos tan diferentes das relixións diferentes? Con que criterio consideramos correcta unha relixión e non outra?.

Todas estas propostas teñen levado a unha dicotomía entre fe e razón, entre relixión e ciencia, e agora acéptase con resignación que son dous conceptos incompatibles. Con todo, a comezos do século pasado,  Rudolf Steiner, científico, filósofo e artista, proclamou dun xeito aberto e preciso, que o camiño cara o coñecemento do home e do universo xa era posible para calquera persoa que o quixera seguir, e que ese camiño leva á liberdade. E non só deu a coñecer todos os coñecementos que adquiriu co mesmo rigor da ciencia, senón que ensinou todas as pautas para que outros o puideran descubrir por si mesmos. Esa vía do coñecemento é a Antroposofía, un camiño que nos permite descubrir e probar quen somos e cal é a nosa relación co Cosmos. É a realización do mandato dos antigos oráculos: "Home, coñece a ti mesmo." Nese camiño o home vai descubrir as leis espirituais que rexen a existencia, e, tal e como o descubrimento da lei da gravidade permitiu ao home poder librarse dela e voar, tamén o descubrimento das leis espirituais dá ao home a posibilidade da liberdade en todos os ámbitos da vida. Así, a antroposofía é un camiño cara á liberdade.